Monday 06 de May de 2024

Cubertas as 400 prazas do IV Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede”, polo que se abre lista de agarda


A andaina solidaria con ASGPOH conta con 68 persoas inscritas.
O IV Trail San Silvestre de Lousame “Castelo de San Mamede”, que terá lugar o vindeiro 27 de decembro no espazo natural de San Lourenzo (Tállara, Lousame), vén de pechar inscricións ao cubrir as 400 prazas dispoñibles, 200 no trail longo e 200 no curto. O técnico de Deportes de Lousame, Néstor Romero, amosouse moi satisfeito pola rapidez á hora de cubrir as inscricións e explica que “como o período para as anotacións estaba aberto aínda ata este domingo 20 de decembro a través de www.emesports.es , o que imos facer é abrir unha lista de agarda para aquelas persoas que aínda non se apuntaran e miraremos se poden competir ou non”.
As 200 persoas participantes no trail longo sairán ás 10:00 horas do domingo 27 de decembro do espazo natural de San Lourenzo para cubrir 25 km cun nivel de dificultade é medio e conta cun desnivel aproximado de 1.000 metros, tanto positivo como negativo, así como 2.000 metros de desnivel acumulado. Os 200 participantes do trail curto, de 14 km, sairán ás 11:00 horas do mesmo día para afrontar un novo circuíto de dificultade media-baixa, cun desnivel de 500 metros, positivo e negativo, e 1.000 metros de desnivel acumulado.
Andaina desde o polideportivo
Así mesmo, continúa aberta a inscrición na andaina solidaria en favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) do sábado 26 de decembro, que neste momento só ten cubertas 68 das 300 prazas ofertadas. Se ben nos últimos días incrementouse o ritmo de inscrición, o certo é que está moi lonxe dos 350 participantes de media dos tres últimos anos. Por iso, dende o Concello de Lousame fan un novo chamamento á participación, lembrando que todo o que se recade na andaina será entregado a ASGPOH para así colaborar na investigación desta enfermidade rara. A cota de inscrición é de tan só 6 euros.
A andaina solidaria sairá ás 10:00 horas do sábado 26 de decembro do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, a onde está prevista tamén a chegada. As persoas participantes percorrerán 14 quilómetros por espazos naturais do municipio. Ademais, se algunha persoa non pode achegarse por calquera razón, sempre pode colaborar a través do Dorsal 0 na páxina www.emesports.es , onde pode decidir a súa achega entre un mínimo de 1 euros e un máximo de 100 euros.

Pequetrail

Pola contra, as que tamén están funcionando ben son as inscricións no Pequetrail. Se o ano pasado, data na que se puxo en marcha, só se contou cunha decena de participantes, neste momentos hai xa 30 inscritos para a proba, que terá lugar ás 16:15 horas do sábado 26 de decembro no espazo natural de San Lourenzo.
Protocolo
Nas catro probas, as saídas e entradas estarán moi protocolizadas e as medidas de control serán moi rigorosas. Así, haberá unha zona Covid na que se tomará a temperatura a todos os asistentes. Todos aqueles que teñan unha temperatura superior a 37º non poderán participar.
Asemade, os participantes deberán enviar unha declaración na que certifiquen non estar contaxiados por Covid-19 nin ter síntomas antes da proba.
A máscara será obrigatoria dende a saída ata un certo marxe, ao igual que a entrada. Durante o percorrido non será necesaria, pero sempre que se adiante a un corredor haberá que volver a poñela. A meta será desaloxada tras a chegada de cada corredor, que pasará a unha zona diferenciada, onde poderán recoller unha bolsa individual con bebida e froita. Nesta ocasión non haberá desprazamentos colectivos en autobuses, nin servizo de garda roupa nin duchas.
Esta cuarta edición da andaina solidaria e do trail San Silvestre de Lousame, a primeira que non ten lugar na contorna das minas de San Finx, está organizado polo Concello de Lousame e o Club Lousame Deporte, que contan coa colaboración de Lurberl, Construccións Fermín Simal SL, Hoka One One e 226ers.